cabezallo1
cabezallo4
cabezallo2
cabezallo3

Cantigas e Xogos

As cantigas e os xogos teñen moitas funcións, ademais do divertimento do neno ou da nena. A esta función lúdica, moi positiva por outra parte, cómpre engadirlle a súa utilidade como fonte de aprendizaxe. A través destas cantigas, aprendemos a identificar partes do corpo, os nomes dos dedos, os primeiros números... O bebé vai adquirindo conciencia do seu corpo e da realidade do contorno mentres se reforza a afectividade coa persoa adulta.

Na sección RECURSOS podedes atopar moitas outras cantigas, pois a nosa cultura posúe un amplo repertorio deste tipo de composicións.

biberón Este queixo queixolán.
Esta boca pide pan.
Este “narís” narisete.
Estes ollos de pisquete.
¡Toma, toma, carneirete!

Neste xogo, a persoa adulta vai sinalando as distintas partes da cara do neno ou da nena. No último verso, dáselle un pequeno croque na cabeza.

Este foi ó mar e non pescou nada.
Este foi ó mar e pescou unha pescada.
Este quedou en terra e lavouna ben lavada.
Este quedou en terra e fixo unha caldeirada.
E este lambón, lacazán... ¡papouna, ben papada!

Esta é unha das cantigas tradicionais para xogar cos dedos da man. Existen moitas variantes segundo a zona.

Este foi ó monte,
este colleu a leña,
este atopou un ovo,
este fritiuno
e este comeuno todo.

Esta é outra variante para xogar cos dedos da man. Igual que no recitado anterior, a práctica fará que o neno ou a nena recoñeza as palabras clave e que as identifique co dedo ao que alude.

Este é o dedo meniño,
este é o seu sobriño,
este é o pai de todos,
este é o furabolos
e este, o matapiollos.

Neste recitado, nomeamos os dedos das mans e o neno ou a nena aprende os nomes populares. A persoa adulta vaille collendo cada dedo mentres recita os versos.

Uni, doni,
teni, coteni,
“fagheni”, chinchín,
carroupín, carroupés,
conta ben
que son “des”.

A persoa maior vai collendo de xeito moi rápido os dedos das dúas mans do neno ou da nena a través dun recitado con palabras infantís.

chupetaUno, dolar,
tela, catola,
sumano,
paghano,
cachapín,
cachapés,
conta ben
que son dez.

Este xogo é unha variante do anterior, coa mesma estrutura e a mesma dinámica.

Arre ru, meu meniño.
Arre ru, meu rapaz.
Arre ru, meu meniño,
ben arruladiño vas.

Este é un arrolo ou canto de berce que se emprega para adurmiñar o neno ou a nena. Normalmente, cántanse cun ritmo suave e relaxante. A seguinte cantiga é outra mostra de canto de berce.

E, neniña, e
que che hei dar o té
e mais as papiñas
nun cacharolé.


descargas
Medidor

Con este medidor, poderás rexistrar o desenvolvemento do neno ou da nena dunha forma orixinal que permite tamén poñer as súas fotos.
medidor
Triángulo

Desde aquí, podes descargar un divertido triángulo para colocar no teu vehículo e indicar que o bebé vai a bordo.
triángulo
Parabéns! As primeiras palabras Cantigas e Xogos Recursos Deputación da Coruña FEGAMP Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Xunta de Galicia