Ao igual que ocorre co resto da comarca, a radiografía económica de Narón pasa de forma determinante polo auxe da construción naval nos anos 60 e 70, onde florece un denso tecido capilar de empresas auxiliares xurdidas ao abeiro dos grandes estaleiros.
O proceso de Narón é moi singular en Galicia. Á parte das cidades que superan os 50.000 habitantes, é moi difícil atopar un caso de desenvolvemento económico como o que viviu este Concello nos últimos 25 anos.
O crecente e puxante Narón dos nosos días, no que florece un denso tecido empresarial e tense creada unha magnífica infraestrutura tanto para a industria –cun dos dous maiores polígonos industriais de Galicia- como para os servizos, é de base recente. Sen ir máis lonxe, o xigante Megasa, buque insignia da industria local, fundouse en 1954 e precisamente ao abeiro dos estaleiros. De igual modo naceron multitude de empresas auxiliares no ámbito do metal, construción, servizos ou enxeñería.
|