Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADO INICIALMENTE NO PLENO O NOVO PXOM POR UNANIMIDADE DA CORPORACIÓN LOCAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu o traballo realizado polo persoal implicado no documento, que permanecerá a exposición pública dous meses
Narón, 26 de abril de 2024. A corporación local de Narón aprobou na tarde de onte por unanimidade a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento que actualizará o que está en vigor, do ano 2002. A seguridade, a calidade urbana como garante da accesibilidade universal, o reforzo das esixencias dotacionais, a introdución de usos mixtos residenciais-produtivos… son algúns dos aspectos sobre os que se incidiu na elaboración do novo PXOM, no que se tratan de deseñar “espazos máis amables máis seguros e que melloren a vida cotiá de todas e todos os naroneses, favorecendo a equidade, a igualdade e a participación social”. O concelleiro Manuel Ramos, presidente da Comisión de seguemento do PXOM, explicou que o novo documento, adaptado á actual normativa, inclúe o plan de mobilidade, áreas relacionadas coa mellora da comunicación e humanización dos barrios, crea un corredor verde na zona litoral, duplica os espazos destinados a zonas verdes, contempla tamén maior espazo para vivenda protexida… entre outras cuestións. O documento permanecerá dous meses a exposición pública, prazo no que se poderán presentar alegacións, e levarase tamén ás trece parroquias da cidade, onde se establecerán xornadas de atención ao público co equipo redactor e tamén se habilitarán uns días no Consistorio para que o arquitecto municipal aclare á veciñanza posibles dúbidas sobre o documento, tal e como avanzou Ramos. A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu públicamente o apoio dos edís do PP, BNG e PSOE por facer posible “que este concello poida continuar avanzando e deseñando as liñas que marcarán o crecemento desta oitava cidade de Galicia”. A través do novo PXOM Narón será, indicou, “cada día unha cidade máis accesible, con maior perspectiva de xénero, máis segura, con máis oportunidades para o asentamento de poboación e empresas e, en definitiva, unha cidade con proxección de futuro para as vindeiras xeracións”. A rexedora local tivo tamén palabras de agradecemento para o persoal funcionario que traballou no documento, para os edís de Urbanismo Manuel Ramos e actualmente Pablo Mauriz, e para o equipo redactor. No transcurso da sesión aprobouse un expediente de modificación de créditos por importe de 1,7 millóns de euros, contía que se destinará a sufragar a aportación municipal correspondente a actuacións en execución ou xa executadas pendentes de pagos, ao servizo de madrugadores… No pleno aprobouse inicialmente por unanimidade da corporación local o regulamento do Consello Escolar Municipal, para adaptalo á realidade educativa, social, sindical, de asociacións e movementos de renovación pedagóxica actual do Consistorio, co fin de acadar unha participación máis enriquecedora de todos os axentes implicados e adaptar a normativa ás novas necesidades, tal e como consta no documento. Así mesmo, cos votos favorables de todos os edís municipais saíron adiante a adhesión do Concello ao protocolo de colaboración e coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e os corpos da Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero; o protocolo de colaboración e coordinación entre a Policía Nacional e a Local de Narón para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero, cos respectivos procedementos operativos entre ambos corpos para a protección e seguemento das vítimas de violencia de xénero e solicitar a incorporación da Policía Local de Narón ao sistema de seguemento integral dos casos de violencia de xénero (VioGen). A aprobación do convenio interadministrativo de colaboración entre os concellos de Narón e Valdoviño en materia de persoal, concretamente para apoio na área de servizos sociais no segundo municipio, foi outro dos puntos aprobados onte por unanimidade. No apartado de mocións aprobáronse seis das oito presentadas.. Saíron polo tanto adiante as presentada polo PP sobre a ampliación do servizo de xantar na casa e para poñer en marcha un programa de conciliación social dirixido a persoas maiores co obxectivo de que poidan ter encontros de convivencia a diario con persoas da zona. No caso do BNG aprobouse a presentada conxuntamente con TEGA sobre a necesidade de rematar coa precariedade laboral e a dos nacionalistas para frear o aumento de prezo dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda en Narón. O PSOE presentou unha moción reclamando a creación dun espazo municipal de conciliación para familias do alumnado de centros públicos de Infantil e Primaria de Narón, tamén aprobada. Fóra da orde do día presentouse, entre outras, unha moción conxunta de TEGA, PP e BNG, aprobada, para solicitar información á Xunta sobre a prestación do servizo de madrugadores, co fin de acadar unha solución á situación actual no concello.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal