Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CIFP FERROLTERRA E A ASOCIACIÓN MORCEGOS DE GALICIA COLABORAN NUN PROXECTO DO CONCELLO PARA FOMENTAR A BIODIVERSIDADE
O edil de Medio Ambiente, Manuel Ramos, informou da colocación de 200 casas niño para aves e da próxima entrega de medio cento de casas para morcegos
Narón, 23 de marzo de 2024. O Concello continúa avanzando nun proxecto encamiñado a favorecer a biodiversidade. Con ese obxectivo, tal e como informou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, repartíronse 200 casas niño entre veciñas e veciños das parroquias do Val e Castro, afectados nos últimos anos por pragas de insectos. O edil naronés agradeceu a implicación do CIFP Ferrolterra, cuxo alumnado realizou estas caixas niño –seguindo as indicacións do departamento municipal de Medio ambiente- e que elaborará medio cento máis de caixas para morcegos, iniciativa esta última na que colabora a asociación Morcegos de Galicia. Hai uns días o concelleiro de Medio Ambiente desprazouse ao CIFP Ferrolterra para recoller as caixas niño de aves e agradecer persoalmente ao centro o traballo realizado para materializar esta actuación impulsada dende o Consistorio. As caixas niño de aves están xa colocadas en diferentes lugares das parroquias do Val e Castro, ao ser este mes de marzo no que comeza a época de cría de aves. “Estas actuacións, que se corresponden con solucións baseadas na natureza para favorecer a biodiversidade e a loita biolóxica contra as pragas, enmárcanse no enfoque do concepto “Unha soa saúde” da Organización Mundial da Saúde, polo que nos benefician a todas e todos”, tal e como asegurou Ramos. Outra das medidas impulsadas polo Consistorio, vencellada ás caixas niño, é a distribución dunha Guía para favorecer o control biolóxico de insectos coas aves insectívoras. Nesta publicación, que está a disposición das veciñas e veciños na entrada principal do Concello, ofrécese a información precisa para construír unha caixa niño para aves e tamén sobre os pasos a seguir para colocala de xeito que cumpra correctamente a súa función. As especies de aves máis proclives a aceptar as caixas niño; referencias de posibles aves que as poden utilizar segundo o diámetro de abertura; características dos niños de anduriñas comúns, anduriñas de cu branco e cirrios comúns; a mellor época para instalar as caixas niño; o mantemento destas construcións e diferentes medidas para atraer aves insectívoras ás proximidades das vivendas forman parte dos contidos desta guía editada polo Concello de Narón. Na mesma tamén se recomenda limitar o uso de fitosanitarios e as podas en época de cría; favorecer unha maior variedade de plantas autóctonas e recuperar as sebes tradicinonais. No marco desta iniciativa, o edil naronés agradeceu tamén a cesión temporal, por parte da asociación Morcegos de Galicia, dunha exposición sobre a importancia dos quirópteros que se pode visitar na planta baixa do Concello.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal