Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO RETOMA UNHA NOVA EDICIÓN DE "TROCOLIBRO" E DAS VISITAS GUIADAS Á BIBLIOTECA E Á AXENCIA DE LECTURA DA GÁNDARA
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, animou á cidadanía a participar nestas iniciativas
Narón, 22 de abril de 2024. A Biblioteca e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende hoxe a proposta “Trocolibro”, unha actividade de intercambio de libros entre as persoas usuarias das citadas instalacións. A concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, desprazouse esta mañá á Biblioteca municipal con motivo desta iniciativa, na que animou a participar ás veciñas e veciños. A edil recordou que os libros se poden intercambiar libremente e destacou “a gran variedade de exemplares dispoñibles, con propostas de lectura infantil, xuvenil ou para persoas adultas”. Pódese realizar un máximo dun intercambio por persoa e día para levar ou donar, tal e como explicou a concelleira naronesa. Así mesmo, aclarou, non é preciso deixar un libro para poder levar outro, senón que cada persoa poderá levar un libro da mesa habilitada para o “Trocolibro”, independentemente de que deixe ou non outro a cambio. Na Biblioteca municipal esta iniciativa está operativa no horario de mañá e tarde, de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 21:00 horas de luns a venres e o sábado de 10:00 a 13:00 horas. Na Axencia de Lectura da Gándara pódese participar dende hoxe ata o vindeiro venres en horario de tarde, de 17:00 a 19:00 horas. A maiores, a edil naronesa informou que con motivo do Día Internacional do Libro, que se conmemora mañá martes, programáronse visitas guiadas ás instalacións da Biblioteca municipal e da Axencia de Lectura da Gándara. No primeiro caso terán lugar este xoves, día 25, en horario de 11:00 a 12:00 para público adulto e de 18:00 a 19:00 horas para público xeral. As persoas que acudan poderán coñecer as catro plantas da Biblioteca, a do sótano, coa sección infantil, bebeteca, sala de exposicións e actividades; a baixa, coa hemeroteca, sección de información e referencia, de audiovisuais e xuvenil; a primeira, coa sección de adultos e arquivo de depósito de libros e a segunda, coa sección de adultos (materias), seminarios, sala de usos múltiples e de informática. Así mesmo, na Axencia de Lectura da Gándara haberá unha visita guiada o venres 26 ás 17:30 horas, segundo avanzou Ameneiro. Os participantes coñecerán as instalacións e os servizos que se prestan no centro e dos que poden facer uso En ambos casos é preciso inscribirse previamente, un trámite que poderán realizar dende hoxe de xeito presencial ou chamando ao número de teléfono da Biblioteca municipal, o 981 382 173, no horario de apertura.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal